Skip to content Skip to navigation

Crónicas

Crónicas Obradoiro-CAB na Gaceta Picheleira de ONF

 

  • Senior Liga EBA
  • Junior A
  • Junior B
  • Cadete A
  • Infantil A
  • Infantil B

SENIOR LIGA EBA: O Obradoiro Silleda volve a senda do triunfo fronte o Leyma Basquet Coruña (76-68)

O encontro comezou cun Obradoiro Silleda dominando o rebote e castigando preto do aro, cun parcial favorable de 8-0 que obrigou ao seu rival a parar o encontro.

Despois deste gran arranque os locais empeoraron o seu nivel defensivo, o que propiciou que o Leyma Basquet Coruña se enganchase de novo ao encontro.

Xa no segundo cuarto os locais comezaron a ter problemas nos seus pívots en forma de faltas persoais, o que lles obrigou a xogar cun quinteto máis pequeno e que concedía ao seu rival demasiadas opcións de segundas oportunidades. Pese a isto, os obradoiristas foron capaces de castigar a campo aberto ao Leyma Basquet Coruña e manter a iniciativa no marcador ao descanso.

No comezo do segundo tempo, o Obradoiro Silleda volveu cun quinteto máis alto, volvendo a xogar máis ordeados, o que lles permitía lograr unha boa vantaxe que xa non abandonarían ata o final do encontro pese a loita do Leyma Basquet Coruña ata os instantes finais.

Importantísima vitoria dun Obradoiro Silleda que foi capaz de sobreporse ás numerosas baixas e volver a senda do triunfo no seu campo. Haberá que seguir traballando a gran nivel para continuar pelexando cada partido nunha tan igualada Liga EBA.

Os parciais por cuartos foron: 17-19, 18-15, 24-17 e 17-17.

O próximo encontro do Obradoiro Silleda será o próximo sábado as 19:30 horas na pista do Basquet Gijón.

JUNIOR A: O Obradoiro Peleteiro mantén o seu bo nivel de xogo fronte ao COB (91-51) O Obradoiro Peleteiro recibía no seu campo ao que, xunto a eles, era o único equipo invicto neste inicio de tempada, nun encontro ao que ámbolos conxuntos chegaban nun bo momento de xogo.

Sabendo da importancia do partido, os locais comezaron cun gran ritmo de xogo no que a través dun gran nivel defensivo e dunha boa ocupación de espazos lograban rápidamente vantaxes de dez puntos. Co paso dos minutos, os visitantes ían encontrando mellores situacións de tiro e impedindo que as diferenzas foran a máis.

No segundo período, os locais eran capaces de axustar de novo a súa defensa para volver a pegar un estirón no marcador e chegar ao descanso dominando o encontro.

A volta de vestiarios, os visitantes trataron de sorprender con varios cambios na súa defensa, e lograríano durante varios minutos pero, co avance do encontro, o Obradoiro Peleteiro foi de novo atopando boas situacións de lanzamento ao tempo que mantiña o seu gran nivel defensivo, logrando deste xeito unha importantísima vitoria por un 91-51 final.

Os parciais por cuartos foron: 23-10, 26-12, 13-16 e 29-13.

A próximo fin de semana o Obradoiro Peleteiro viaxará ata Lugo para enfrontarse a un sempre complicado Estudiantes, nun encontro no que pelexaran para manter o seu bo nivel de xogo.

JUNIOR B: O Obradoiro CAB Cenor logra unha nova vitoria na súa visita a Ribeira (48-51)

Partido disputado no pavillón municipal de Palmeira o sábado día 18 ás 16:00 horas.

Dende o arranque do partido, o Obradoiro CAB Cenor comezou dominando gracias a un xogo moi coral no que se lograban canastras fáciles despois de bos cortes de xogadores sen balón. Mentres tanto, os locais non remataban de atopar cómodos o que propiciaba perdidas de balón que os obradoiristas castigaban ao contraataque.

A diferencia continuaba aumentando neste segundo parcial, pero ao entrar demasiado rápido en bonus provocaba que o C.B. Ribeira dispuxese de demasiados tiros libres e puidese reducir as diferenzas no electrónico antes do descanso.

Xa no terceiro período o nivel ofensivo dos obradoiristas baixou, empezaron a precipitarse e a perder balóns en situacións favorables para que os locais anotaran fácilmente ao contra ataque. Deste xeito entrabase nos últimos dez minutos co partido todavía por decidir, nun cuarto no que ámbolos dous equipos xogaron atenazados polo marcador, e no que a boa defensa do Obradoiro CAB Cenor lles permitiu certificar unha nova vitoria por un axustado 48-51.

Os parciais por cuartos foron: 9-21, 16-16, 14-8 e 9-6.

A próxima semana o Obradoiro CAB Cenor terá xornada de descanso antes de recibir o primeiro fin de semana de decembro ao Peleteiro.

CADETE A: O Cenor Obradoiro gaña na casa ao Sigaltec de Vilagarcía de Arousa (69-46)

O sábado ás 18 horas xogábase, no Pavillón Lorenzo da Torre, o partido pola quinta xornada da fase Norte daLiga galega cadetes, entre o Cenor Obradoiro e o Sigaltec.

O partido empezaba cos obradoiristas perdidos e os de Vilagarcía moi activos e con bo ritmo, facendo que en 2 minutos puxeran un parcial de 2-8 que obrigaba aos locais a parar o partido para reactivar aos seus mozos.

A partir de aí, foron capaces de impoñer o seu ritmo de xogo, defender con mais intensidade e dominar os rebotes en ambos os taboleiros, para chegar ao descanso cunha diferenza de 19 puntos (36-17).

Na segunda parte, os locais non seguiron coa intensidade defensiva que puxeran na primeira parte, pero aínda así mantiveron as vantaxes no marcador e, salvo momentos de desorde en ataque, xogaron ben o balón controlando o partido para o 69-43 final.

Os parciais de cuartos foron 21-13, 15-4, 14-16 e 19-13.

O próximo partido o Cenor Obradoiro medirase de local ante o Instituto Rosalía o sábado ás 18 horas no pavillón Lorenzo da Torre.

INFANTIL A: O Cenor Obradoiro CAB perde no seu desprazamento a Narón (65-54)

Os obradoiristas pagan o seu frouxo inicio de partido e caen na pista do Baloncesto Narón.

Os locais barreron da pista aos visitantes nos primeiros dez minutos, cun ritmo de xogo totalmente dominado polos de Narón, no que os obradoiristas eran incapaces de encontrar boas situacións de tiro.

A partir dese intre, os obradoiristas melloraron en defensa para achegarse no marcador pese a que continuaban sen encontrar acerto no lanzamento.

Tras o paso por vestiarios, o Cenor Obradoiro CAB seguiu levando o ritmo do encontro, cunha boa defensa e máis opcións de xogo en transición. So á falta de acerto no lanzamento exterior impedían que non lograran darlle a volta ao marcador.

No derradeiro período, os visitantes comezaron a caer na precipitación froito das gañas de remontar o encontro, volvendo a dominar o partido un Baloncesto Narón que acabaría por levarse unha importante vitoria.

Os parciais por cuartos foron: 17-7, 13-14, 15-19 e 20-14.

A vindeira xornada o Cenor Obradoiro CAB xogará no pavillón Lorenzo da Torre o sábado as 12:00 horas fronte o Instituto Rosalía.

INFANTIL B: O Obradoiro CAB Cenor mantén o seu bo momento fronte o EDM A Estrada (50-44)

Tras as últimas dúas vitorias, o Obradoiro CAB Cenor recibía o pasado sábado as 20:00 horas no pavillón Lorenzo da Torre a un combativo EDM A Estrada, nun encontro marcado pola igualdade ata os últimos instantes.

O encontro comezaba con moi bo ritmo por parte dos locais, que lograban as primeiras diferenzas no que se asentaría a súa vitoria final. Pouco a pouco os visitantes ían encontrándose máis cómodos no encontro, apretando ao máximo o electrónico nuns últimos dez minutos no que o Obradoiro CAB Cenor baixou demasiado o seu nivel defensivo.

Sen embargo, grazas o bo traballo realizado durante o resto do encontro e a manter a calma nos últimos instantes, os obradoiristas certificaron a súa terceira vitoria consecutiva por un 50-44 final.

A próxima semana o Obradoiro CAB Cenor terá xornada de descanso antes de visitar no primeiro fin de semana de Decembro ao Porto do Son.

En ONF-OND usamos software libre