Skip to content Skip to navigation

Crónicas Obradoiro-CAB

Nota de prensa Oficial
Obradoiro-CAB na Gaceta Picheleira de ONF

SENIOR LIGA EBA

JUNIOR A

CADETE A

INFANTIL A

INFANTIL B

SENIOR LIGA EBA: O Obradoiro Silleda compite trinta minutos pero cae fronte o Aquimisa Carbajosa (49-69)

O Obradoiro Silleda recibiu no pavillón César González Fares de Silleda ao Aquimisa Carbajosa, nun encontro ao que chegaban en moi boa dinámica despois dunha vitoria contra o Venta de Baños e dunha derrota pola mínima na súa visita a Zamora.

O encontro comezaba cun gran acerto dos locais, que castigaban con varias penetracións a zona local. O Obradoiro Silleda atopaba boas posicións de tiro pero a falta de acerto permitía correr aos de Salamanca, que endosaban un parcial inicial de 8-2. Parábase neste momento o partido por tempo morto solicitado polos locais, que tras varios axustes, e ca entrada en pista de Javier Cal, Rafael García e Brais Losada, lograban dar un salto defensivo e recuperar pouco a pouco a distancia, chegando ao final do primeiro tan só catro puntos abaixo.

A partir deste momento o partido mantívose na máxima igualdade. No segundo cuarto as defensas seguían marcando o camiño, cos obradoiristas anotando soamente con accións aisladas de Rodrigo Gómez e Rafael García, mentres os visitantes sumaban constantemente en contraataque provocado polas perdas dos obradoiristas.

Á volta de vestiarios, o Obradoiro Silleda trataba de atopar máis vías de anotación con quintetos máis pequenos, aumentando a súa velocidade con máis exteriores no campo. Por un momento conseguírono, pechando moitas liñas de pase e atopando máis situacións de contraataque finalizadas por Juan Castro e Enrique Melini. Sen embargo, a falta de acerto en numerosas accións, facía que o Aquimisa Carbajosa Mantivera sempre a iniciativa no marcador.

Xa nos últimos dez minutos os visitantes deron un golpe enriba da mesa, cun gran Gabriel Román (autor de 21 puntos e tres triplas) e un constante Francisco Pomares, que acabaron aumentando a distancia e rompendo o partido nos últimos dez minutos.

Pese ao avultado resultado final, foi un encontro competido durante trinta e cinco minutos polo Obradoiro Silleda ante un poderoso rival. 

Os parciais por cuartos foron: 14-18, 11-14, 15-15 e 6-22.

O próximo domingo, a partires das 17:00 horas, o Obradoiro Silleda visitará ao Basquet Coruña nun encontro decisivo nas súas aspiracións por seguir loitando para manter a categoría.

JUNIOR A: O Obradoiro Peleteiro logra unha gran vitoria na súa visita ao Paco Paz de Ourense (67-74)

O pasado sábado, ás 12:00 horas, o Obradoiro Peleteiro enfrontábase no Paco Paz a un duro rival como sempre é o Rio Ourense Termal. Nun encontro marcado polas ausencias por lesión en ambos conxuntos, a igualdade mantívose ata os derradeiros minutos, nos que os obradoiristas lograrían unha pequena renda que xestionaron para volver cunha nova vitoria.

Os locais comezaban o encontro cunha pechada defensa zonal para tratar de protexer a súa pintura, pero o Obradoiro Peleteiro mantiña boas lecturas para anotar tanto en transicións coma en xogo estático. Sen embargo, os visitantes non lograban afastarse no marcador debido ao excesivo número de tiros libres que concedían ao seu rival e as dificultades que estaban encontrando para frear as verticais penetracións dos locais.

Nos últimos minutos do primeiro período, xunto co inicio do segundo, os locais atopaban o seu mellor momento do partido –unido ao debut da súa nova fichaxe-, e atascando por momentos o ataque visitante unido a un gran acerto exterior, chegaban ao descanso cunha pequena vantaxe (36-33).

A partires do terceiro cuarto, o Obradoiro Peleteiro atopou en todo momento boas posicións de lanzamento, mantendo ademais un gran nivel defensivo que lle permitía recuperar a iniciativa no encontro. Pero os ourensáns non baixaron os brazos en ningún momento, e mantivérnose no partido en todo momento sumando puntos dende o tiro libre.

Pouco a pouco, o Obradoiro Peleteiro íase facendo co ritmo do partido e, nos últimos dez minutos, logrou manter un altísimo nivel defensivo cunha boa circulación de balón para lograr unha vantaxe de dez puntos, vantaxe que a pesar da loita dos locais, souberon xestionar para acabar gañando un importante encontro por 67-74.

Os parciais por cuartos foron: 20-20, 16-13, 17-20 e 14-21.

O próximo encontro do Obradoiro Peleteiro será en Montouto, o xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas ante o Estudiantes de Lugo, nun encontro clave no que trataran de demostrar todo o seu nivel de xogo como equipo. 

CADETE A: O  Cenor Obradoiro vence ao  Porriño de local en moi bo partido (63-41)

O sábado, ás 18 horas, xogábase en Lorenzo de La Torre a segunda xornada da fase A1 da Liga Galega cadete entre o  Cenor Obradoiro e o Baloncesto Porriño.

O partido empezaba con moi bo ritmo imposto polos locais que, a base de dominar o rebote defensivo, era capaz de correr o campo e conseguir canastras de ataque rápido.

No segundo cuarto, os visitantes subían o ritmo e intensidade, ante unha pequena relaxación dos obradoiristas, sendo capaces de facer dano en transicións rápidas e rebote ofensivo, para igualar o partido indo ao descanso cun marcador de 26-24 favorable ao local.

Na segunda parte, o Cenor Obradoiro saíu moito mais concentrado e intenso en defensa, conseguindo parar as transicións rápidas do Porriño, en ataque circulando ben o balón e seleccionando ben os tiros, eran capaces de abrir diferenzas no electrónico.

O Porriño non baixou os brazos e tentou apertar máis en defensa pero os  obradoiristas foron capaces de ler as vantaxes que xeraban e así seguir abrindo brecha ata o 63-41 final.

Os parciais de cuartos foron: 19-13, 7-11, 21-11 e 16-6.

No próximo partido, o Cenor Obradoiro visitará ao Alter Saúde Marín Peixe Fresco, o domingo 11 ás 12:00 horas, nunha partido clave para a clasificación.

INFANTIL A: O Cenor Obradoiro CAB cae na súa visita á pista do Blanco Amor (79-66)

O pasado domingo, o Cenor Obradoiro CAB comezaba a segunda fase da Liga Galega, enmarcado no grupo A2, pola loita por manter a categoría e facíao visitando a pista do EDO Blanco Amor en Ourense.

O partido comezou moi intenso con lixeiras vantaxes para o Cenor Obradoiro CAB grazas ao dominio do rebote, que permitía que puideran xogar moitas situacións de contraataque.

No segundo cuarto os locais comezaron a impoñer o seu físico e a reverter o control baixo os taboleiros, facéndose co ritmo do encontro e atopando mellores posicións de tiro, chegando ao descanso cun 38-34 ao seu favor.

Á volta de vestiarios, o EDO Blanco Amor saíu ao encontro moito máis intenso, algo que non souberon igualar os obradoiristas provocando que os locais se escapasen no marcador de máis de dez puntos.

O Cenor Obradoiro CAB subiu liñas no último período e igualaron o ritmo do xogo, reducindo a vantaxe ata cinco puntos. Sen embargo, nos dous últimos minutos varias triplas ao límite da posesión dos ourensás acabou provocando unha derrota por 79-66, que dificulta o inicio desta segunda fase.

A próxima fin de semana, o Cenor Obradoiro CAB recibirá no pavillón Lorenzo de la Torre ao Maristas Agua de Sousas Ourense, o domingo a partires das 12:00 horas.

INFANTIL B: O Obradoiro CAB Cenor acada unha nova vitoria na súa visita a Estrada (23-64)

O pasado sábado, ás 16:00 horas, o Obradoiro CAB Cenor visitaba A Estrada nun novo encontro da 2ª División infantil. Dende o primeiro minuto os obradoiristas saíron moi concentrados e cun alto ritmo de xogo, o que permitiu que se escaparan no marcador nos primeiros impases do partido.

Despois deste primeiro parcial de 2-27, o encontro prácticamente se pechou, cun partido nos que os visitantes seguiron dando mostra da súa melloría e acadaron unha nova vitoria por 23-64.

Logos Software Libre utilizado