Skip to content Skip to navigation

Crónicas Obradoiro-CAB

Nota de prensa Oficial
Obradoiro-CAB na Gaceta Picheleira de ONF
  • SENIOR LIGA EBA
  • JUNIOR A
  • CADETE A
  • INFANTIL A
  • INFANTIL B

SENIOR LIGA EBA: O Obradoiro Silleda planta cara ao invicto Marín Peixe Galego (74-82)

O pasado domingo, ás 18:00 horas, o Obradoiro Silleda recibía no seu campo ao líder e invicto da Liga EBA, o Marín Peixe Galego, e facíao ademais coas baixas de varios xogadores do equipo junior que habitualmente participan nos encontros de Liga EBA.

Nos primeiros minutos do encontro os locais mostraban un gran acerto exterior e, con dúas triplas case consecutivas e un gran nivel defensivo, lograban un parcial 8-2 inicial que facía ver que o Obradoiro Silleda iba a vender moi caro o encontro. Pouco a pouco os visitantes foron reducindo as diferencias, castigando cada perda de balón dos locais e anotando ao final do primeiro período varias triplas despois dunha boa circulación de balón.

O segundo cuarto foi o máis duro para os locais, incapaces de manter o mesmo nivel defensivo que nos primeiros dez minutos. O Marín Peixe Galego castigaba cada erro defensivo e lograba darlle a volta ao marcador antes de irse ao descanso.

Xa na segunda parte a igualdade volvía a pista. O Obradoiro Silleda atopaba vías de anotación a través dun xogo moi vertical a campo aberto, no que Juan Castro se atopaba moi cómodo, e das vantaxes xeradas no bloqueo directo por Daniel Villalobos. Sen embargo, os locais seguían sen ser capaces de frear o dominio interior de Desmond Simmons, que lle permitía ao seu equipo manter pequenas diferenzas a falta de dez minutos por disputarse.

No último parcial, os obradoiristas volveron a castigar aos interiores visitantes grazas á mobilidade de Rodrigo Gómez e Brais Losada pero, cando parecía que podían retomar a iniciativa no marcador, apareceu Antonio Pantín. O Obradoiro Silleda pelexara durante trinta e oito minutos pero nos instantes finais o dominio dos visitantes no rebote ofensivo e varios lanzamentos errados nos últimos segundos, facía que a vitoria viaxara unha vez máis para Marín.

Pese a derrota, grandísimo encontro do Obradoiro Silleda que quedou a tan só un paso de derrotar ao líder. A vindeira semana o Obradoiro Silleda visitará a pista do Ule Ingenova Fundación C.B. León, o próximo domingo a partir das 18:30 horas.

JUNIOR A: O Obradoiro Peleteiro volve á Liga  cunha  nova  vitoria  na  súa visita a Carballo (44-75)

Tras unha fantástica participación no torneo  MHL  Sports de Zaragoza, o equipo  junior Obradoiro Peleteiro retomaba a Liga Regular na penúltima xornada coa súa visita a Carballo, co obxectivo de seguir sumando triunfos ao mesmo tempo que melloran o nivel de xogo mostrado durante todo o torneo e, á súa vez, recuperan a varios xogadores lesionados.

Desde o primeiro minuto, os obradoiristas deron mostra do seu nivel de xogo e pouco tardaron en lograr vantaxes superiores aos dez puntos. A través dunha forte defensa e dunha rápida transición, os visitantes sumaban con facilidade en contraataque e atopaban moitos tiros liberados.

Co paso dos minutos, os locais foron subindo o nivel físico, á vez que os  obradoiristas comezaban a traballar máis en 5x5 para mellorar determinadas situacións de fronte ao final de tempada. Desta forma as vantaxes mantivéronse durante moitos minutos e o encontro serviu a ambos os equipos para continuar traballando e crecendo para próximos enfrontamentos.

Os parciais por cuartos  foron: 8-21, 15-15, 11-18 e 12-19.

A próxima semana o Obradoiro Peleteiro recibirá na última xornada de Liga ao Instituto Rosalía, na que se decidirá o campionato galego e as prazas para a Final  Four.

CADETE A: O Cenor Obradoiro cae ante o  CB Tui na casa por (52-75)

O sábado, ás 18:00 horas, xogábase no pavillón Lorenzo de La Torre o partido correspondente á quinta xornada da Liga Galega Cadete, onde o líder da categoría, o  CB Tui, visitaba ao Cenor Obradoiro.

O partido comezaba con moi bo ritmo para os dous equipos que, tras conseguir rebotes defensivos, buscaban correr e anotar en transición, sendo capaces de sacar rendemento nestas opcións. Así chegábase ao final do primeiro cuarto cun marcador de 13-15.

No segundo cuarto os visitantes aumentaron o ritmo de xogo e atoparon opcións de anotación demasiado fáciles ante os descoidos na transición defensiva dos locais, que ademais xa non eran capaces de correr ao non poder dominar con claridade o rebote defensivo, abríndose brecha no marcador ao chegar ao descanso o partido (25-40).

Tras o paso polos vestiarios, os obradoiristas saían mais intensos e dispostos a non perderlle cara ao partido, sendo capaces de forzar perdas de balón e correr ao campo para acurtar as diferenzas a 9 puntos.

No derradeiro cuarto, cando parecía que se ía a competir o partido, os locais volveron pecar de relaxación e descoidos defensivos para que o líder da competición abrise unha brecha insalvable para os locais.

Os parciais de cuartos foron: 13-15, 12-25, 14-10 e 13-25.

Ó próximo partido os obradoiristas visitarán ao Baloncesto Porriño, o sábado 14, ás 10 horas.

INFANTIL A: O Cenor Obradoiro CAB vence de xeito contundente ó Sigaltec (78-40)

Os obradoiristas fixeron un encontro moi completo e acadaron unha importante vitoria para prolongar a boa xeira de resultados (trala vitoria na xornada anterior e acadar o título da Vilagarcía Basket Cup).

Os locais comezaron o encontro con moito criterio en ataque, anotando con facilidade e marcando diferenzas de inicio.

No ecuador do segundo período, a defensa obradoirista baixou, o que aproveitaron os vilagarciáns para achegarse a seis puntos. Sen embargo, a reacción dos locais permitiulles manter quince puntos de vantaxe ao descanso.

O terceiro período foi un vendaval local, cunha defensa que anulou ao rival e dominando o rebote que lles permitía anotar en rápidas transicións ou tras unha gran circulación do balón.

No derradeiro período os obradoiristas non baixaron os brazos nin se deixaron sorprender, rematando o encontro con moi boas sensacións e cheos de moral e confianza.

Os parciais por cuartos foron: 22-9, 14-12, 26-8 e 16-11.

A próxima fin de semana, o Cenor Obradoiro CAB repite xornada como local, o sábado as 12:00 horas no pavillón Lorenzo de la Torre, esta vez contra o EDO Blanco Amor de Ourense.

INFANTIL B: Fin de semana con dobre xornada para o Obradoiro CAB Cenor cunha vitoria e unha derrota (26-76; 67-59)

A pasada fin de semana, o Obradoiro CAB Cenor tivo unha dobre xornada debido ao partido aprazado contra o Compañía de María. Neste primeiro encontro, celebrado o venres as 20:10 horas no pavillón de Santa Isabel, os obradoiristas enfrontáronse ao líder invicto da categoría pero, pese ao gran nivel do rival, os nosos nunca baixaron os brazos e loitaron ata o último segundo.

Ao día seguinte, o Obradoiro CAB Cenor volvía a xogar como local, esta vez no pavillón de Lorenzo de la Torre o sábado as 20:00 horas fronte o Porto do Son. Nun encontro dominado polos visitantes na primeira parte, unha gran defensa na segunda metade fixo que os obradoiristas lograran unha gran remontada para acabar o fin de semana cun balance de unha vitoria e unha derrota.

O próximo fin de semana o Obradoiro CAB Cenor xogará contra Peleteiro.

Logos Software Libre utilizado