Skip to content Skip to navigation

Fin de semana de aparente calma

Nota de prensa Oficial
SD Compostela - fútbol base

Os equipos volven competir tras os adiamentos da semana pasada

Os conxuntos das categorías inferiores da SD Compostela volven á competición este fin de semana tras o parón vivido a xornada anterior por culpa das condicións meteorolóxicas, as cales impediron a disputa de todos os encontros, a excepción do Alevín A. Así, os conxuntos branquiazuis desexan xa volver saltar ao campo e gozar co balón nos pés.

En primeiro lugar, o xuvenil de Liga Nacional visita ao Vitoria CF, o sábado ás 18.00 horas no campo da Grela 1. Será un duro choque no que os nosos esperan recuperar a senda do triunfo.

O xuvenil B, pola súa banda, terá que viaxar ao Lino - Balado, o sábado ás 18.00 horas, para enfrontarse a un dos galos da competición, o ED Xuventude Oroso.

En canto ao Cadete, os branquiazuis xogarán tamén contra ED Xuventude Oroso, aínda que no seu caso será de local. O partido comezará o domingo ás 10.00 horas no Municipal de As Cancelas, horario perfecto para irse a San Lázaro ao termo do mesmo.

En categoría infantil, o A xogará contra o Bertamiráns, no Municipal de Bertamiráns, o sábado ás 9.30 horas, mentres que o B xogará ás 12.45 horas, na Merced, contra as Escolas Deportivas do Arzúa.

En alevíns, o A quere manter a súa segunda posición no playoff tras o seu tropezo contra o líder e para iso tentará superar ao ED Santiago, o domingo ás 13.15 horas en campo da Barrosa. Pola súa banda, o B xogará contra o Vitoria FC o sábado ás 12.00 horas en As Cancelas.

Por último, o Benxamín desexa un novo triunfo contra o SD Villestro, o sábado ás 16.30 horas tamén en As Cancelas.

Logos Software Libre utilizado