Skip to content Skip to navigation

Hugo González, adestrador biberóns

Nota de prensa Oficial
Hugo González, adestrador biberóns

1. Para que lle coñeza a xente, cal é a súa experiencia no mundo do fútbol? Podería resumir o seu currículo deportivo?

Toda a miña vida estiven vinculado ao fútbol; son de Canarias e como xogador estiven sempre ligado ao Gomera, empezando en categorías inferiores e logo dende Segunda Rexional ata Terceira División. Fai catro anos cheguei a Galicia e fichei polo Bertamiráns, onde estiven dous anos co equipo de Terceira División e de Primeira Rexional. Logo fun ao Xallas de Santa Comba en Preferente, antes de estar un ano sen xogar por rotura de ámbolos dous xeonllos.

Esta temporada volvín ao Bertamiráns, pero entre recaídas nas lesións e o traballo non puiden continuar. De adestrador comecei coas categorías inferiores xa no Gomera, sempre con benxamíns. Ao chegar a Galicia empecei cos benxamíns do Negreira, e esta temporada compaxino os biberóns do Bertamirans do ano 2013 cos do Compostela do 2014.

2. Que é o primeiro que valora nun xogador de tan corta idade?

Con nenos de catro anos non podes prestar atención a moitas cousas; ensinarlle que o balón non se toca coa man, saber en que portería teñen que marcar gol e que dean algún pase é o principal obxectivo, é o único que lle podes pedir a esta idade.

3. Que valores intenta transmitir como técnico aos seus xogadores?

Sobre todo compañeirismo; os biberóns son moi dados a pensar que a pelota é súa, entón ensínolles sobre todo que a teñen que compartir e que somos un equipo; ao fin e ao cabo son as súas primeiras experiencias en equipo. Con que se respecten, chégame.

4. Que tipo de fútbol lle gusta para os seus equipos?

Aos biberóns non podes ensinarlles como queres xogar, o obxectivo é que aprendan a tocar, a xogar en equipo, chegar a portería...non só correr para adiante e marcar gol.

5. Que é o mellor e o máis complicado de traballar con deportistas tan novos?

O máis complicado é que che fagan caso todos á vez, conseguir ter a súa atención. O mellor é a boa fe coa que o fan todo, sen ningunha maldade.

6. Unha vez dentro, existe algún control para que os deportistas compaxinen o seu crecemento e estudos coa formación futbolística?

Iso é primordial. Nestas categorías o único que me piden os pais é complicidade para que vaian cortar o pelo, portarse ben na casa ou comer certos alimentos, senón vanmo dicir e non van xogar; é un tipo de educación. Se son máis maiores, o normal en calquera club é que se o neno vai mal nos estudos, por moi bo que sexa, deberíase actuar; o fútbol é un premio, se non actúan ben o lóxico é sacarllo.

7. Que consello lle daría aos nenos que empezan agora e soñan con poder chegar a ser profesionais no mundo do fútbol?

Sobre todo, pasalo ben e gozar cos compañeiros que teñan. Se van saír bos co tempo irase vendo, pero non centrarse dende tan pequenos en selo. A estas idades non se sabe o que pode pasar.

8. Como debe manexar un adestrador a un xogador que apunta maneiras de “crack”? Que calidades o diferencian do resto de xogadores?

Sobre todo a forma de ver o xogo que teñen: ven pases, ven o que vai pasar...iso vese no neno. Xa non tanto na calidade coa que poidan realizar un pase ou meter un gol, non por regatear a todo o equipo é mellor; hai certos pases, certa colocación no campo que o neno o manifesta independentemente de que cada adestrador lle poida transmitir unha cosa ou outra. Se sendo tan pequenos o conseguen ver, pódense apreciar boas calidades.

9. Que futbolista consideras un exemplo para as novas xeracións?

Non che vou dicir nin a Cristiano nin a Messi. Polo gusto que teño de equipo de fútbol diríache Joaquín do Betis, por valores diríache Valerón...pero se tuvera que centrarme nun diría Francesco Totti ou Lampard, xogadores que estiveron toda a súa vida nun mesmo club e non lles importou nin o diñeiro nin o nivel do equipo nin nada. Teñen que valorar onde están a gusto e logo está a forma de ser do xogador, que canto máis humilde e honesto sexa mellor lle vai ser.

10. Para rematar, cales son as principais bases deste proxecto? Que agarda?

O mesmo que espero sempre nos biberóns: ver como empezan que non saben nada e ao final de tempada percibir como son capaces de chegar á outra portería, saber onde meter o gol e empezar a colocarse no campo. Váiselles esixindo segundo van avanzando; de momento, con que consigan iso váleme.

Logos Software Libre utilizado