Skip to content Skip to navigation

Infantís e alevíns asinan senllos dobretes

SD Compostela - Alevín A

  • O Alevín A debutou con vitoria no playoff de descenso.

O regreso á competición de todos os equipos das categorías inferiores da SD Compostela trouxo consigo unha xornada con distintos sabores. Mentres que ambos infantís e alevíns foron os protagonistas positivos coas súas vitorias, os xuvenís e o benxamín asinaron as derrotas da fin de semana.

O xuvenil de Liga Nacional non puido manter a súa gran xeira e caeu no seu feudo contra o Racing de Ferrol, rival que o precedía na táboa. O conxunto departamental levou o triunfo con dous tantos na metade de cada tempo. Yago Torrente nos últimos instantes maquillou o resultado final.

Pola súa banda, o xuvenil B perdeu na súa visita ao UD Bastavales por 2-0 e mantense na zona intermedia da clasificación.

O Cadete non puido sumar de tres por segunda semana consecutiva, despois de empatar a tres goles contra o Ulla Pontecesures. O conxunto branquiazul tivo que remontar por dúas veces. Primeiro igualou un 0-2 en contra, mercé aos goles Hugo Martínez e Gerardo Lago, e despois empatou no 80 co tanto de Martín Díaz a vantaxe cultivada polos visitantes.

En categoría infantil, o A venceu por 1-4 ao ED Val do Ulla, nun partido que dominou de principio a fin, xa que se puxo por diante no marcador no minuto 3. Mentres, o B levou os tres puntos contra a SD Cruces cun tanto no minuto 76.

No que respecta aos alevíns, o A iniciou o playoff de descenso cunha vitoria por 1-2 contra o ED Santiago, colocándose nunha boa posición inicial de fronte ao futuro da competición.

Pola súa banda, o B venceu por 5-1 á SD Cacheiras e mantén a terceira posición na liga.

Por último, o Benxamín tamén arrincou o seu playoff de descenso aínda que con peor sorte. Os pequenos branquiazuis caeron por 1-3 contra a SD Amio.

En ONF-OND usamos software libre