Skip to content Skip to navigation

Non foi un domingo calquera

Nota de prensa Oficial
SD Compostela na Gaceta Picheleira de ONF
  • Remontada histórica da SD Compostela tras vencer 3-0 e remontar a Segunda Eliminatoria do Playoff de Ascenso á Segunda B
  • Tomás e Primo igualaron o resultado da ida na primeira parte e o cántabro conseguiu o tanto do pase no 48
SD Compostela na Gaceta Picheleira de ONF
SD Compostela na Gaceta Picheleira de ONF

Queriamos que non fose un domingo calquera e non o foi. Desde as 18.15 horas, a afección envorcouse co equipo para lograr unha épica remontada que se acabou consumando no terreo de xogo de San Lázaro. Os nosos venceron por 3-0 e déronlle a volta á eliminatoria, pasando á final do Playoff de Ascenso á Segunda División B.

Con 3.800 espectadores e un recibimento espectacular, o primeiro gol meteuno a bancada e fíxose realidade no minuto 12 co cabezazo de Tomás. Despois, no 44, Primo anotou o segundo de cabeza nun córner e o terceiro tamén o marcou o dianteiro cántabro, no 48.

Crer era a palabra da semana. O Compos saíu convencido de Terrassa de que aínda quedaba moito por dicir en Santiago e a afección entendeuno. Os compostelanistas chegaron ao campo con horas de antelación para recibir a uns xogadores que querían que non fose un domingo calquera.

Saltaron ambos os conxuntos ao campo, con novidades nos costados no Compos, e cunha bancada que xa estaba a apertar. O alento inicial acabou de espolear aos nosos, que saíron coa mente posta en meter canto antes ese primeiro tanto.

Esa primeira diana chegaría no minuto 12. Nunha rápida acción tras roubo, Primo asistiu ao espazo para a entrada de Rubén, o extremo rematou coa dereita, pero o balón foise ao poste. Con todo, un atento Tomás, entraría con todo para remachar a pelota de cabeza e meter ese primeiro tanto que xa conseguira a bancada desde os arredores.

O tanto inicial relaxou os ánimos dos branquiazuis, que aínda así seguían creando perigo a través de rápidas contras. Naveira desde 30 metros ou Diego Rey nun centro ao que non chegou por moi pouco, puideron anotar o segundo gol, pero este non chegaría ata o 44.

Na enésima xogada de contragolpe, Álex Ares caeu derrubado por Amantini no pico da área. O tiro da falta acabou en córner tras golpear nun defensa e desde a esquina, o propio Álex, colgaría o balón ao punto de penalti onde se alzou Primo para marcar coa cabeza. O remate do cántabro ao segundo pau foi excelso.

O golpe anímico foi tremendo para todos e iso notouse na arrancada da segunda metade, xa que aos tres minutos chegou o terceiro. Rubén cedeu para Primo e o dianteiro, alentado pola bancada e o seu adestrador, sentou ao central e bateu ao porteiro cun tiro cruzado no man a man.

Lograran a remontada, pero aínda quedaban moitos minutos por diante. Os visitantes fixeron cambios ofensivos e fóronse con todo para marcar un tanto que lles dese o pase. Con todo, as oportunidades seguían sendo locais.

Primo rematou ás mans de Ortega nun centro de Rubén e Álex Ares enviou o esférico rozando o pau nun gran golpeo desde a frontal da área. Entre medias, tamén houbo unha caída de Primo na área, tras regatear a Amantini, que o colexiado non sinalou.Pasaban os minutos e sen nada que perder, o Terrassa comezou a colgar balóns á área, tendo a ocasión máis clara nun cabezazo de Fran Piera no segundo pau que se paseou pola área pequena. Foi a ocasión máis clara, case única, que tiveron os visitantes durante os 90 minutos.

Non acertaron na súa aproximación e o partido acabouse cun despexe local. Logrouse a épica remontada e afección e xogadores estalaron de xúbilo. Estaba claro que non foi un domingo calquera.

Todo este día quedará gravado nas retinas de todos os que gozaron do ambiente de San Lázaro.

Tocou celebrar ao grande o pase á final do Playoff de Ascenso á Segunda B. Cremos e levámonos a vitoria. Agora queda confiar en lograr o ascenso contra o rival que saia mañá no bombo. Ás 17.00 horas coñeceremos a seguinte viaxe.

FICHA TÉCNICA:

3-SD Compostela: Lucas; Saro, Álvaro Casas, David Uña, Naveira; Samu, Tomás (Alberto Freire, m.59); Diego Rey (Mon, m.76), Álex Ares, Rubén (Santi, m.64); e Primo.

0-Terrassa FC: Ortega, Yayá, Amantini, Sergi Valls, David López (Civil, m.64); Fran Piera, Guzmán, Ferreira; Daisuke (Carreón, m.49), Nils Puchades (Álex Fernández, m.49) e David Toro.

Goles: 1-0: Tomás, min.12; 2-0: Primo, min.44; 3-0: Primo, min.48.

Árbitro: Gaspar Barallas, comité castelán leonés. Amoestou a Rubén, Naveira, Mon, Lucas e Álex Ares, polos locais; e a Yayá, Amantini e Sergi Valls, polos visitantes.

Incidencias: Partido de volta da Segunda Eliminatoria de Ascenso á Segunda División B disputado no Estadio de San Lázaro ante 3.800 espectadores.

Logos Software Libre utilizado