Skip to content Skip to navigation

O Obradoiro Peleteiro logra a cuarta posición no Torneo MHL Sports de Zaragoza

Nota de prensa Oficial
Obradoiro-CAB na Gaceta Picheleira de ONF

Durante as vacacións de Semana Santa, o equipo junior, Obradoiro Peleteiro, aproveitou para continuar a súa preparación neste final de temporada viaxando ata Zaragoza para disputar o considerado como mellor torneo nacional de categorías inferiores en España.

Despois de catro intensos días nun torneo no que participaron varias das mellores canteiras do país, o Obradoiro Peleteiro quedou na cuarta posición por detrás do Valencia Basket, Baskonia e Joventut de Badalona.

Nesta edición do MHL Sports de Zaragoza participaron canteiras tan importantes como a do Valencia Basket, Baskonia, Joventut de Badalona, Basket Almeda, San Joan Despí, Estudiantes, Centro de Tecnificación de Baleares, San Josep de Badalona, Alcobendas, Pielagos, CB Tizona, Helios, Tarragona, Cornella, Loiola Indautxo, Granollers, etc.

Esta é unha das mellores participacións dun equipo galego na historia do torneo MHL Sports, e lográrono despois de vencer a Araberri, C. B. Vic, San Josep de Badalona e o Centro de Tecnificación Balear, e de caer en semifinais nun emocionante encontro ante o Baskonia e, posteriormente, na loita polo bronce contra o Joventut.

Ademais, este gran resultado viuse acompañado coa entrega do trofeo de MVP do torneo para o obradoirista Rafael García, e do premio ao mellor corpo técnico do mesmo para os adestradores do equipo, Denís Pombar e Dan Petts.

A partir da próxima semana, o Obradoiro Peleteiro volverá á Liga o sábado pola mañá na súa visita a Carballo, co obxectivo de manter o seu gran estado de forma e ir recuperando lesionados para afrontar da mellor forma posible o final de temporada. Desde o Obradoiro CAB queremos agradecer a toda a organización de MHL Sports a amabilidade e o trato recibido durante todo o torneo.

Logos Software Libre utilizado