Skip to content Skip to navigation

Tres vitorias e tres empates nunha xornada completa

Nota de prensa Oficial
SD Compostela - Canteira

Gran regreso dos alevíns e o infantil B.

Nunha xornada na que todos os equipos, excepto o benxamín, volveron á acción, as sensacións deixadas polos equipos branquiazuis, en xeral, foron boas. A fin de semana pechouse con tres vitorias, outros tres empates e dúas derrotas.

En primeiro lugar, o filial santiagués logrou un empate na súa visita ao Rodeiro. Os locais puxéronse moi pronto por diante, minuto 4, pero os branquiazuis igualaron ao principio da segunda parte grazas ao tanto de Álvaro Moure.

O xuvenil de Liga Nacional saíu da súa dinámica de empates, pero o resultado non foi o esperado, xa que caeu en casa por 1-4 contra o Deportivo. O filial coruñés foi superior aos nosos e deixaron patente a súa superioridade desde o comezo. Alejandro Pérez maquillou o resultado para os nosos no segundo tempo.

Pola súa banda, o xuvenil B sacou un meritorio punto no partido contra o Xuventú Aguiño, contra o que igualaron a dous goles. Raúl García e Schadrac Lonji puxeron aos nosos por diante en dúas ocasións, pero os locais acabarían empatando no desconto. Con todo, é un punto moi importante para manterse na zona media.

Rompeu a súa mala serie o cadete, quen superou por 3-1 ao Bastavales. Os visitantes adiantáronse pronto, pero os nosos, tirando de caste, remontaron no segundo tempo. Hugo Martínez, Etienne Lorenzo e Mario Galo selaron a gran vitoria conseguida.

En categoría infantil, o A non tivo fortuna e caeu por 5-2 na súa visita ao Dubra, mentres que o B rascou un empate nos últimos instantes na súa visita ao Escola Estrada.

En alevíns volveron certificar un dobrete. O A segue no alto da clasificación do playoff tras superar por 2-1 ao Compañía de María. Mentres, o B conseguiu o mesmo resultado tras remontar ao Burgo das Nacións e segue terceiro en liga.

Logos Software Libre utilizado