Skip to content Skip to navigation

Vitoria axustada para selar unha marca histórica

Momento de loita no partido contra o Barbadás. Foto: Amadeo Rey
  • O Compos sumou o seu décimo triunfo consecutivo, igualando unha marca de hai 50 anos.
  • Róber foi o autor do tanto que deu o triunfo aos branquiazuis.
Vitoria axustada para selar unha marca histórica
Vitoria axustada para selar unha marca histórica

Con sufrimento ata o final, pero o Compos fixo historia hoxe en San Lázaro. Os pupilos de Yago Iglesias sumaron o seu décimo triunfo consecutivo nun partido moi complicado no que dominaron de principio a fin e que levaron por un tanto a cero.

O gol de Róber no minuto 3 foi decisivo ao cabo para que os tres puntos quedasen enSan Lázaro. O mediapunta aproveitou a xogada de Diego Rey para selar unha nova vitoria dos nosos.

Falaba Yago Iglesias na previa de que o equipo debía saír coas orellas de punta e osxogadores non se puideron tomar máis ao pé da letra as súas palabras. Os branquiazuis saíron a por todas e no minuto 3 xa estaban por diante no marcador.

Diego Rey, que debutou hoxe por primeira vez de titular, fixo unha xogada mestra, regateando a todos desde un lado ao outra da área, realizou unha parede con Álex Ares e serviu atrás para a entrada de Róber que rematou coa súa perna dereita ao fondo da rede.

Puxéronse as cousas moi de cara desde un inicio, pero esta circunstancia non afectou o cadro visitante, moi seguro na súa formulación. O Compos tiña a pelota pero custáballe xerar perigo ante un Barbadás moi ben estruturado. Aínda así, as ocasións acabaron chegando e só a gran actuación de Rui e a falta de acerto nos metros finais impediron que se aumentase a renda.

Diego Rey foi un puñal pola banda e a partir das súas arrancadas chegaron as dúas máis claras. Un tiro de Róber, moi similar ao gol, que se foi rozando o pau tras tocar nun defensa, e un golpeo forte de Álex Ares, tras unha xogada combinada, que despexou forte o porteiro visitante.

A dinámica dominadora local seguiu á saída dos vestiarios, con todo, as chegadas á liña de fondo dos branquiazuis non atoparon rematador e isto fixo reaccionar aos visitantes. Así, o Barbadás tería dúas claras oportunidades ao dez minutos de comezar o segundo tempo. Primeiro Marcos lanzou fóra un centro raso de Cabanyes e despois Lucas despexou a córner un disparo forte de Caique.A reacción visitante durou pouco xa que coa posesión e as chegadas de Saro por banda os santiagueses recuperaron a senda do partido. Álex Ares desperdiciou unha gran contra no 75, lanzando o balón arriba tras a cesión de Diego Rei e Primo, no 86, atopou a Rui nun gran golpeo ao segundo pau tras recortar ao defensa.

Non sentenciou o Compos e tivo que sacar con sufrimento os centros perigos no desconto dun Barbadás que mandou a todo o mundo arriba. Con todo, o marcador non se moveu e o equipo branquiazul selou un novo triunfo, o décimo consecutivo na liga e o sexto en San Lázaro, que marca unha nova marca na historia da SD Compostela. Os tres puntos permiten aos nosos seguir unha semana máis no máis alto, achegándonos aínda máis ao noso soño, a unha semana de recibir ao segundo clasificado, o Bergantiños CF.

FICHA TÉCNICA:

1- SD Compostela: Lucas; Saro, Álvaro Casas, David Uña, Sergio Pereira, Tomás, Mon; Róber (Sobrido, m.67), Álex Ares (Samu, m.88), Diego Rey (Rubén, m.79); e Primo.

0- UD Barbadás: Rui; Helder, Barragán, Quintairos, Toni; Juanito, Martín Torres (Jordi, m.46); Alberto (Marcos, m.46), Caique, Cabanyes; e Martín Fernández.

Goles: 1-0: Róber, min.3.

Árbitro: Iglesias Melón, comité vigués. Amoestou a Sergio Pereira, polos locais, e a Helder, Barragán e Juanito, polos visitantes.

Incidencias: Partido da vixésimo quinta xornada de Liga da Terceira División disputado no Estadio de San Lázaro ante 690 espectadores.

En ONF-OND usamos software libre