Skip to content Skip to navigation

Vitorias para o Infantil B e Alevín B

Nota de prensa Oficial
Vitorias para o Infantil B e Alevín B

Catro equipos xogarán esta semana partidos aprazados.

A xornada da fin de semana deixou unha bagaxe de dúas vitorias e dous empates para as categorías inferiores da SD Compostela. O infantil B e o alevín B foron os conxuntos que conseguiron os tres puntos, os cales lles permiten seguir na parte alta das súas ligas. Por outra banda, catro conxuntos, benxamín, cadete, xuvenil B e infantil A, xogarán esta Semana Santa os encontros aprazados polo temporal Félix.

En primeiro lugar, o filial foi superado polo Touro nun partido moi igualado que se decantou co tanto local no primeiro minuto da segunda parte.

O xuvenil Nacional igualou co Porriño Industrial a un tanto e segue pelexando por saír da zona perigosa. Dario Gontán, na segunda parte, foi o autor do gol local que igualou a vantaxe lograda polos porriñeses.

Pola súa banda, o xuvenil B caeu en Cancelas contra o Dubra por 2-3, a pesar de irse cunha vantaxe de dous goles ao descanso. Marcos Andrade e Schadrac Lonji puxeron en boa disposición aos nosos, pero os visitantes remontaron no segundo tempo. Para responder a este tropezón, os branquiazuis xogarán este xoves ás 12.00 horas, en Santa Isabel, contra o SR Calo.

En canto ao Cadete, o conxunto da base perdeu por 2-1 na súa visita ao Arzúa. Hugo Martínez foi o goleador santiagués. Este mércores ás 11.00 horas, no Municipal do Sergas, tentarán volver sumar contra o Amio SD.

En infantís, o A conseguiu empatar contra o Conxo, un dos conxuntos que se sitúan na parte alta clasificatoria. Os branquiazuis igualaron a dous tantos nun partido de alternativas. O equipo adestrado por Diego Segade repetirá partido este xoves, ás 18.30 horas, contra a UD Bastavales en Cancelas. Mentres, o B superou ao Cire Melide por un claro 0-8 e conseguiu situarse na cuarta praza.

En alevíns, o A perdeu no playoff contra o Fátima por 5-1, conxunto que o supera agora na clasificación, resultado negativo que se compensou coa vitoria do B por 6-2 contra o Villestro.

Por último, o benxamín perdeu contra o líder, o Amio SD, pero tentará contrarrestar esta derrota cun triunfo contra o Milladoiro, hoxe ás 18.30 horas en Cancelas.

Logos Software Libre utilizado