Skip to content Skip to navigation

Xornada de empates para as categorías inferiores

SD Compostela - fútbol base

Dos sete partidos disputados polos conxuntos da canteira da SD Compostela, tres deles acabaron con empate final, os dos dous xuvenís e o infantil A. A única vitoria chegou na gran remontada do Zona Vella, quen acumula dous triunfos consecutivos.

En primeiro lugar, o filial branquiazul conseguiu superar cunha gran remontada ao Laro e ascende á sexta praza da clasificación. A pesar de empezar cun 0-2 en contra, os santiagueses déronlle a volta ao marcador na segunda metade grazas aos dous tantos de A. Moure, minutos 58 e 75, aos que se lle sumaron os de Jorge Lorenzo, minuto 86, e Fernando Carro no 89.

O primeiro empate chegaría co Xuvenil de Liga Nacional. O equipo dirixido por Marcos Donnici sumou un punto por segunda xornada consecutiva nun duelo moi complicado contra o CD Choco. Os nosos adiantáronse no marcador co tanto de Víctor Vilariño, no 21, pero en tan só tres minutos os visitantes déronlle a volta. Xa na segunda parte, froito do dominio local, Yago Torrente anotaría o gol que selou o empate final.

Pola súa banda, o xuvenil B tamén rascou un punto na súa visita ao Villestro. Schadarac Lonji, cun gol na primeira metade e outro na segunda, foi o protagonista do partido para os nosos, selando este dobrete que nos permite seguir sen perder unha xornada máis.

Peor sorte correu o Cadete, conxunto que caeu por 0-4 na visita do Lalín. Este mesmo conxunto foi o encargado de superar ao Infantil B cun resultado final moi similar, 1-4. O líder da categoría superou aos nenos branquiazuis que seguen en cuarta posición.

O terceiro e último empate da fin de semana sería o do Infantil A, despois de rascar un punto na súa dura visita ao EFM Boiro. O partido terminou con empate a cero goles.

Por último, o Benxamín non foi capaz de puntuar unha semana máis e caeu por 1-4 contra o La Salle, a pesar de poñerse por diante no marcador na primeira parte.

En ONF-OND usamos software libre