Skip to content Skip to navigation

SD Compostela

Nota de prensa Oficial
Ao Compos só lle faltou o gol
  • Gran partido da SD Compostela na ida da eliminatoria de campións contra o RCD Espanyol B.
  • Róber e Cardeñosa tiveron as máis claras para os branquiazuis
SD Compostela vs RCD Espanyol B
SD Compostela vs RCD Espanyol B

Só faltou o gol. A SD Compostela xogou un auténtico partidazo, cun San Lázaro a rebentar, na estrea da eliminatoria de campións contra o RCD Espanyol B, pero faltoulle o acerto de cara á portería rival para levar un botín mellor á Cidade Deportiva Dani Jarque, onde o vindeiro domingo ás 12.00 horas decidirase quen ascende de categoría.

O empate a cero non reflicte un partido onde os nosos tiveron ocasións moi claras para adiantarse, como unha de Róber e outra de Cardeñosa no último minuto, aínda que os periquitos tamén tiveron unha clara nun man a man de Víctor.

Pese á estrea de moitos dos branquiazuis nun partido de playoff, a SD Compostela e o Espanyol B comezaron o partido con precaucións, con moita posesión e con gran respecto sobre o rival que tiñan enfronte. Ambos os conxuntos sabían que por diante quedaban 180 minutos e que non se podía regalar nada.

Con todo, tentando mostrar a calidade que atesouran os seus xogadores, e é que moitos deles farán a pretempada e mesmo xogarán o ano próximo co primeiro equipo, os visitantes foron os primeiros en golpear na mesa. Os cataláns deron un paso adiante e durante longos minutos tiveron ao Compos correndo detrás do balón, aínda que sen excesiva profundidade, xa que o repregamento defensivo dos nosos era excepcional. Neste tramo, Víctor, cun lanzamento que saíu rozando a escuadra da portería defendida por Lucas, tivo a única aproximación visitante.

Esta fase púxose fin a partir do minuto 25, coincidindo xusto coa acción polémica do partido. Primo recibiu na área, tentouse virar e caeu. A bancada, ao completo, levantouse como un resorte para protestar a xogada, pero o colexiado, que estaba moi preto da xogada, non decretou nada.

A partir da acción o Compos pasou a controlar máis o xogo, a mover o esférico por todo o campo, malia que as súas chegadas por banda non acabaron por xerar demasiado perigo e chegouse ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios, a dinámica continuou como no final do primeiro período, aínda que esta vez si que se rozou o gol en máis dunha ocasión.

Malia que o Espanyol tivo unha acción moi clara, no 55, nun man a man de Víctor, tras unha xogada de paredes polo carril central, na que Lucas saíu a tapar de maneira excepcional e o extremo enviouna fóra, as máis claras foron para o bando local.

Primeiro, os nosos avisaron nunha acción de córner, que Samu botou pechado e na que Edu sacou unha man prodixiosa cando ía rematar Álvaro Casas e despois, na máis clara ata ese momento, Róber non conseguía empuxar o balón ao fondo da rede. Nesta última, Primo controlou dentro da área, revolveuse zafándose do central, deu o pase da morte, pero cando xa se cheiraba o gol, Pedrosa apareceu como unha exhalación para despexar o esférico a córner.As bandas, coas chegadas desde atrás, sobre todo, dun inconmensurable Tomás, estaban a ser o foco de perigo dos nosos. En varios centros roldouse o tanto. Primo non conseguiu conectar un no 69 e noutro, Róber, controlou dentro da área, pero enviou o tiro por encima da portería.

Chegaron os cambios, entraron Mon e Alberto Freire no dobre pivote e Sobrido en banda, pero o fútbol estaba inclinado cara á portería visitante. Así, no 86, Tomás mandou pasado un golpeo desde o pico da área ao segundo pau, tras un gran contraataque.

E aínda faltaba a última, a máis clara. Desde o córner, Mon puxo un balón perfecto ao segundo pau onde apareceu Cardeñosa para rematar de cabeza, pero cando toda a bancada xa cantaba o gol, o balón marchouse rozando o pau da meta españolista.

Con esta acción pechouse o partido, o árbitro pitou o final e ambos os conxuntos marcháronse aos vestiarios sabendo que aínda non hai nada feito e que os 90 minutos no campo 1 da Cidade Deportiva Dani Jarque serán a vida ou morte.

Gran imaxe, outra vez máis, duns xogadores branquiazuis que non paran de superarse a si mesmos.

Hoxe pareceron veteranos, cando moitos deles xogaban o seu primeiro playoff e marchan, sen dúbida, coa cabeza ben alta ás súas casas, igual que os miles de afeccionados que encheron a bancada de Tribuna e Preferencia do Estadio de San Lázaro.

O vindeiro domingo, ás 12.00 horas, tocará a volta en Barcelona. Toca planificar un novo partido, no que os nosos esperan levar a vencida e no que agardan que estean presentes moitos seguidores branquiazuis. Quedan 90 minutos para a gloria, para lograr o ansiado ascenso a Segunda División B.

FICHA TÉCNICA:

0-SD Compostela: Lucas; Saro, Cardeñosa, Álvaro Casas, Naveira; Samu (Alberto Freire, m.77), Ube (Mon, m.66); Álex Ares, Tomás (Sobrido, m.87), Róber; e Primo.

0- RCD Espanyol B: Edu; Pipa, Iago, Lluis, Pedrosa; Pol Lozano, Álex López; Víctor, Max (Doncel, m.69), Puado (Manel, m.89); e Cristo (Joselu, m.78).

Árbitro: Bermejo Ferrero, comité asturiano. Amoestou a Róber e Cardeñosa, polos locais; e a Pol Lozano, Iago e Manel, polos visitantes.

Incidencias: Partido da eliminatoria de campións do playoff de ascenso á Segunda División B disputado no Estadio de San Lázaro ante máis de 3.000 espectadores.

Nota de prensa Oficial
SD Compostela na Gaceta Picheleira de ONF
  • O CD Choco superou aos nosos por un gol a dous
  • Diego Rey e Rubén saíron tocados do campo
Momento del penalti transformado por Gabi Misa
Momento del penalti transformado por Gabi Misa

A SD Compostela despediuse da liga cun partido tranquilo no que caeu por un gol a dous. O equipo mostrou unha gran cara, sobre todo nos minutos finais, nos que buscou a remontada, pero acabou coa mala noticia da lesión de Diego Rey. Con todo, tocou despedir á afección neste último encontro antes do reto que se aveciña para os próximos quince días.

Os tantos de Gabi Misa, de penalti na primeira metade, e de Chiqui, na segunda, puxeron en gran vantaxe ao equipo visitante pero, a pesar diso, os nosos achegáronse co tanto de Tomás e puideron igualar nos últimos minutos, pero faltoulle algo de fortuna.

Coa política de rotacións e con corredor previo ao comezo do partido, o duelo entre a SD Compostela e o CD Choco comezou cun ritmo lento, propio de dous conxuntos que non se xogaban nada. Este arrefriado acrecentouse aínda máis tras a lesión de Marquitos, que se tivo que ir directo ao hospital.

Os nosos buscaban o gol entrando polas bandas, en especial polo lado esquerdo, coa rapidez de Rubén e Naveira. Con todo, o primeiro en golpear foi o cadro visitante, tras un penalti de Lucas sobre Chiqui.

Gabi Misa foi o encargado de executar a pena máxima e de anotala, enganando á perfección ao porteiro.

Tras o tanto, os santiagueses puxéronlle un punto máis ao seu xogo, pero os centrais, nuns grandes minutos, cortaron varios pases de Rubén a Sobrido, cando o ribeirense se atopaba só. E cando non o fixeron, apareceu Adrián. O novo gardameta sacou dúas grandes mans a tiros de Tomás e Sobrido, tras o pase da morte de Róber.

Con esta última acción, o partido foise ao tempo de descanso. Á volta dos mesmos, o Choco deu un paso á fronte e froito da súa insistencia acabou marcando o segundo tanto. Primeiro avisou cun disparo de Gabi Misa e outro de Chiqui, quen tras regatear a varios rivais atopouse a perna salvadora de Naveira. E o gol foi á terceira ocasión, nunha contra con pase atrás para Chiqui, quen regateou ao lateral e puxo o balón na escuadra, aínda que para iso rebotou nun defensa.

A pesar deste novo mazazo, os nosos reaccionaron ben e puideron recortar distancias cun pase en profundidade de Sobrido que se foi algo longo e nun cabezazo de Uña, a centro de Tomás, que atrapou con solvencia Adrián.

Xa con Diego Rey no campo e a afección animando aos xogadores para lograr unha reacción final, acabou chegando o gol da esperanza no minuto 71. Tomás, que hoxe xogou de mediapunta, quedou só diante de Adrián e esta vez si conseguiu superar ao gardameta, cun disparo potente por baixo das súas pernas.

Reaccionou o Choco cunha contra na que Ricar tentou a vaselina, pero Lucas atrapou en dous tempos, salvando o esférico na liña. Con todo, o fútbol estaba envorcado cara á portaría de Adrián. Puido marcar Sobrido de cabeza nunha xogada de tiraliñas, pero mandou arriba o remate desde a área pequena, e tamén Tomás, cun golpeo ao segundo pau que saíu rozando a escuadra.

Pese a iso, a máis clara chegaría no minuto 89, cando o propio Tomás recolleu o balón na área, regateou a un defensa e pegoulle a gol, pero outro visitante sacouna en última instancia. No rebote,o pontevedrés caeu na área, pero o colexiado non sinalou nada, a pesar das protestas de todos os xogadores.

O gol non acabou chegando e o peor foi que Diego Rey, nun golpe contra Xián, volveu lesionarse, saíndo do campo sen poder apoiar a perna. Pitouse o final e a parroquia branquiazul xa pensa no playoff, aínda que se foron ás súas casas cun sabor agridoce tras ver como saía Diego do campo.

Mañá, a partir das 17.00 horas, todos estarán conectados ao sinal da Federación para coñecer ao rival.

Acabouse a liga, péchase unha etapa incrible, na que o equipo tivo un rendemento brutal e pásase á seguinte, unha eliminatoria de campións na que se pode lograr o ansiado ascenso.

FICHA TÉCNICA:

1-SD Compostela: Lucas; Sergio Pereira, Cardeñosa (Samu, m.46), David Uña, Naveira; Ube, Mon; Róber (Diego Rey, m.57), Tomás, Rubén (Alberto Freire, m.51); e Sobrido.

2-CD Choco: Adrián; Ronald, Yago, Lucas, Xián; A. Suárez, Caloi (Comis, m.65); Ricar, Gabi Misa, Marquitos (Chiqui, m.7); e Pablo (Escobar, m.73).

Goles: 0-1: Gabi Misa, min.16; 0-2: Chiqui, min.54; 1-2: Tomás, min.71.

Árbitro: Gómez Lameiro, comité pontevedrés. Amoestou a Cardeñosa, polos locais.

Incidencias: Partido da trixésimo oitava xornada de liga da Terceira División disputado no Estadio de San Lázaro ante 950 espectadores. Ao comezar o encontro os xogadores do CD Choco e os canteiráns da base branquiazul fixéronlle o corredor á SD Compostela.

Nota de prensa Oficial
SD Compostela na Gaceta Picheleira de ONF

Un gol de Róber no minuto 5 deulles os tres puntos aos branquiazuis para asegurar o campionato.

Yago Iglesias manteado por los jugadores al final del partido. Foto: Amadeo Rey.
Yago Iglesias manteado por los jugadores al final del partido. Foto: Amadeo Rey.

Ao final cantouse o bingo. Novo triunfo de visitantes, nova vitoria e o Compos convértese no campión matemático do grupo 1 da Terceira División. Un solitario gol de Róber no minuto 5 permite aos nosos conseguir os puntos necesarios para alcanzar o obxectivo.

Con 86 puntos, a SD Compostela xogará a promoción de ascenso con dúas oportunidades. O equipo logrou algo histórico e é hora de celebralo. Queda unha semana para que termine a liga, pero os branquiazuis xa poden pensar no que virá dentro de 15 días.

Co obxectivo entre cella e cella, o Compos saltou ao campo de O Espiñedo coas ideas moi claras. Sabían que non podían relaxarse en ningún momento para conseguir cantar o bingo e por iso comezaron o encontro ao 200 %. Esta motivación provocou que os primeiros minutos fosen de clara cor branquiazul.

No primeiro minuto, Santi xa avisou cun man a man que sacou Pachi e aos cinco chegou o gol. Nunha xogada típica, encarou Álex Ares ao lateral, centrouna ao segundo pau e aí apareceu Róber para rematar de cabeza ao fondo da rede, anotando un tanto que levantou a todos os afeccionados santiagueses, desprazados en masa ata O Carballiño.

Pese ao tanto, e á inoportuna lesión de Santi, o Compos seguiu coa súa idea inicial e puido anotar o segundo aos vinte minutos. Nunha acción illada, Alberto Freire pegoulle desde o pico da área, o balón rebotou nun defensa e foise ao pau da portería, cando Pachi xa estaba batido. Co paso dos minutos, o partido endureceuse e o partido foise ao descanso entre numerosos paróns.

Á volta dos vestiarios, o equipo local tentou imprimir un punto máis de intensidade e isto provocou que se sucedesen continuas faltas. Nunha delas, Samu puxo o balón ao segundo e este saíu rozando o pau, do mesmo xeito que noutro centro de Alberto Freire desde a outra banda.

Pola contra, o Arenteiro tivo nas súas oportunidades nun control longo de Carlos de Dios que atrapou Lorenzo, cando encaraba no man a man, e nunha caída de Rubén Arce na área que foi moi protestada pola bancada, pero na que o colexio non decretou nada.

Veu o tempo dos cambios, entraron Sobrido e Tomás, pero o partido non cambiou a tónica. Ningún dos dous conxuntos conseguía xerar perigo coas súas accións e as escasas chegadas á área debíanse a faltas colgadas desde calquera parte do campo.

Así morreu o partido e o Compos, por fin, puido cantar o bingo. Os branquiazuis coa vitoria convértense nos campións do grupo 1 da Terceira División, un triunfo histórico que coroa a unha gran xeración de xogadores, novos, da casa, pero cun nivel espectacular. O bo fútbol durante toda a tempada provoca que estes xogadores fagan historia no club.

FICHA TÉCNICA:

0-CD Arenteiro: Pachi; Adrián Pol, Portela, Martín Sánchez, Pana; Adrián Padrón, Vilachá (Dani Chimpín, m.46); Rubén Arce, Álex Bardelás (Martín González, m.75), Carlos de Dios (Manu Bardelás, m.69); e Iker.

1-SD Compostela: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Álvaro Casas, Naveira; Samu, Alberto Freire (Sobrido, m.55); Álex Ares (Tomás, m.77), Santi (Mon, min.17), Róber; e Primo.

Goles: 0-1: Róber, min.5.

Árbitro: García Villaverde, comité ferrolán. Amoestou a Pana, Vilachá, Pachi, Adrián Padrón e Adrián Pol, polos locais; e a Alberto Freire e a Sobrido, polos visitantes.

Incidencias: Partido da trixésimo sétima xornada de liga da Terceira División disputado no campo Municipal do Espiñedo ante 1200 espectadores. Nutrida presenza de seguidores santiagueses que acompañaron ao equipo no Carballiño.

Nota de prensa Oficial
Un paso máis preto do obxectivo
  • O Compos venceu por 3-0 ao Ourense nun partido que dominou por completo.
  • Primo, Santi e Rubén anotaron os goles na terceira vitoria consecutiva.
Momento de la asistencia de Uña en el gol de Rubén
Momento de la asistencia de Uña en el gol de Rubén

Nova vitoria de prestixio para un Compos que segue demostrando a súa fame de vitoria.

Nun partido que dominou desde o inicio, os nosos sacaron os tres puntos grazas á vitoria por 3-0 contra o Ourense CF, restándolle así unha nova xornada ao campionato en busca do obxectivo de acabar a liga en primeira posición.

Primo, cun disparo potente raso aos dez minutos de comezar a segunda parte, Santi, cun golazo de belísima factura desde a frontal da área, e Rubén, cun cabezazo nun córner, foron os artífices dun novo triunfo para o cadro branquiazul, a terceira vitoria consecutiva e o sétimo partido sen perder.

Demostrando a súa intención de rotar nestas últimas xornadas, Yago Iglesias sacou un once contra o Ourense CF con catro novidades respecto do domingo pasado. A pesar diso, o equipo funcionou ao mesmo nivel e desde un comezo levou o peso do partido ante un equipo visitante replegado atrás.

Así, as principais oportunidades dos branquiazuis chegaban de centros laterais, malia que os dianteiros non eran capaces de acertar co marco. Neste tipo de xogadas, primeiro Primo de volea, despois Santi de disparo raso e por último Mon, non foron capaces de acertar coa meta defendida por Miguel Varela.

A pesar destas primeiras aproximacións con perigo, a máis clara non chegaría ata o minuto 37, cando noutro centro lateral Primo rematou potente, tras control co peito, pero o meta visitante sacou unha man incrible abaixo. Xogada calcalda á que minutos despois tería o propio dianteiro, pero esta vez non conseguiu empalar a pelota.

Respondendo a este asedio, o Ourense tería a súa nunha contra na que Xinzo deu o pase da morte, pero Sergio despexou a córner antes de que puidese rematar ninguén, deixando o marcador inicial ao termo dos primeiros 45 minutos.

Á volta dos vestiarios, a tónica seguiu sendo a mesma, malia que a fortuna para os locais cambiou rápido. Primeiro, Santi non conseguiu acertar nunha dobre ocasión, na que non cargou o tiro en primeira instancia, xa que non esperaba o erro defensivo, e de segundas, Miguel fixo un paradón ante o seu tiro raso desde a frontal.

Con todo, no 52, por fin chegou o gol que tanto merecían os nosos. Nunha rápida contra, Santi abriu para Álex Ares, o mediapunta foise por liña de fondo, regateando por velocidade ao lateral, e puxo o centro raso atrás onde apareceu Primo para controlala e embocar aofondo da rede cun disparo raso cruzado potente, no enésimo tanto do pichichi branquiazul.

E dez máis tarde, chegou o segundo. Santi Gegunde, despois de tanto probalo desde a frontal da área, por fin logrou conectar o balón ao fondo da rede, e vaia gol. Á contra, o lucense pasoulla a Primo, o cántabro deixouna de cara para Santi e este, coa súa perna esquerda, conectou o disparo á escuadra de Miguel Varela, imposible de detela a pesar da gran estirada do meta.

Cos trocos o partido durmiuse un pouco, aínda que un deles, Rubén Martínez, sería o protagonista dos últimos minutos. Nunha internada, Miguel sacoulle unha man excepcional para evitar o tanto e mandar a pelota córner, pero uns instantes máis tarde xa non conseguiría deter o cabezazo do extremo. Foi nun córner lanzado ao segundo pau que Uña meteu no punto de penalti cunha volea e alí apareceu Rubén para rematar de cabeza ao fondo das mallas. Foi a sentenza.

O partido acabouse tras este tanto e o Compos puido saborear unha nova vitoria no seu feudo, coa que restan unha semana ao calendario e sumando de tres. A falta de catro xornadas, os nosos seguen metendo presión ao Bergantiños e o vindeiro sábado tentarán achegarse aínda máis ao seu obxectivo no partido contra a SD Negreira. Co apoio da afección, como no día de hoxe, superar os retos marcados é máis sinxelo.

FICHA TÉCNICA:

3- SD Compostela:​ Lucas; Saro, Cardeñosa, David Uña, Sergio Pereira; Ube, Mon (Tomás, m.61); Álex Ares, Santi (Rubén, m.75), Róber; e Primo (Sobrido, m.81).

0- Ourense CF:​ Miguel Varela; Henrique, Germán, David Antón, Sergio de Paz; Juanma Justo, Fondevila; Víctor Monteiro (Iago Beceiro, m.69), Renan Zanelli, Martín Lamelas (Edu Otero, m.76); e Xinzo (Pedro Martínez, m.50).

Goles: 1-0: ​ Primo, min.52; ​ 2-0: ​ Santi, min.63; ​ 3-0: ​ Rubén, min.85.

Árbitro:​ Pastoriza Iglesias, comité pontevedrés. Amoestou a Primo e Róber, por los locales.

Incidencias:​ Partido de la trixésimo cuarta jornada de liga da Terceira División disputado no Estadio de San Lázaro ante 750 espectadores.

Nota de prensa Oficial
SD Compostela na Gaceta Picheleira de ONF
  • O Compos levou o tres puntos cun gol de Primo.
  • Os branquiazuis manteñen a vantaxe no alto da clasificación.
Tres puntos máis no regreso
Tres puntos máis no regreso

Sufriu o Compos, pero levou novamente o tres puntos nunha nova tarde fútbol en San Lázaro. Ambos os equipos demostraron o seu poderío nun encontro doutra categoría que se decidiu polo maior acerto local de face a portaría. Cada conxunto tivo unha parte de dominio, pero o resultado determinouse polo tanto de Primo aos dous minutos de partido.

O inicio do Compos en San Lázaro, tras o regreso das vacacións, foi fulgurante. Aos dous minutos os nosos púñanse por diante no marcador para rubricar o arreón inicial. O balón caeu á banda de Róber, o porriñés centrou ao momento de penalti e aí apareceu Primo para rematar coa dereita ao fondo da rede. Un gol clásico desta tempada no noso fortín.

Con todo, o Alondras non se amedrentou con este inicio e trato de ti a ti a un Compos que viu como Lucas converteuse no gran protagonista, para ben, do partido. Primeiro viu, no minuto 18, como o balón estrelábase no pau tras o rebote na perna de Naveira e despois despaxaría os remates de Aram e Jonas, nas máis claras para os visitantes.

Entre medias, Primo e Santi non chegarían por escasos metros en senllas contras, mentres que Álvaro Casas tamén apareceu providencial para evitar que Jonas rematase só de cabeza para empatar, xa no final do primeiro tempo.

Á volta dos vestiarios, a tónica cambiou radicalmente, xa que foi o Compos o que en novo gran inicio levou o perigo. Tomás, en dúas mans a mans, tras senllas mostras de sacrificio, marrou na definición. Primeiro, tras unha galopada desde campo propio, enviou o balón demasiado cruzado, e na segunda, con roubo e caneo ao porteiro, pegoulle mordida.

Por pouco tamén se lle escapou un control a Primo cando encaraba a Martín e, respondendo ao acoso local, Jonas mandaba cruzado un remate de cabeza de socato. Estas ocasións precederon a un momento de impas no que a bancada impacientouse co colexiado polas súas decisións, especialmente a expulsión a Yago Iglesias.

Coa polémica o partido perdeu ritmo e un tiro fóra de Álex Rei foi o único achegamento con relativo perigo polas áreas. Así se pechou un partido no que Compos, a pesar de sufrir, logrou o tres puntos, cos que se mantén no alto da táboa, afianzando o seu liderado cunha xornada menos por diante. Para a semana, a marea branquiazul viaxará a Noia para lidar no derbi. Alí esperamos o apoio da nosa gran afección.

FICHA TÉCNICA:

1- SD Compostela: Lucas; Saro, Álvaro Casas, David Uña, Naveira; Samu, Tomás (Cardeñosa, m.80); Róber (Rubén, m.72), Santi (Mon, m.59), Álex Ares; e Primo.

0- Alondras CF: Martín, Varo, Aram, Agujetas, P. Salgueiro; Abel (Álex Rei, m.63), Champi; Varela (Diego, m.72), Iván Pérez, Pardavila (Gabri, m.46); e Jonás.

Goles: 1-0:​ Primo, min.2.

Árbitro: García Rodríguez, colexio coruñés. Expulsou a Yago Iglesias (min.69) por protestar. Ademais, amoestou a Naveira, Róber, Mon e Rubén polos locais.

Incidencias: Partido da trixésimo segunda xornada de Liga da Terceira División disputado no Estadio de San Lázaro ante 700 espectadores.

Nota de prensa Oficial
Vitorias para o Infantil B e Alevín B

Catro equipos xogarán esta semana partidos aprazados.

A xornada da fin de semana deixou unha bagaxe de dúas vitorias e dous empates para as categorías inferiores da SD Compostela. O infantil B e o alevín B foron os conxuntos que conseguiron os tres puntos, os cales lles permiten seguir na parte alta das súas ligas. Por outra banda, catro conxuntos, benxamín, cadete, xuvenil B e infantil A, xogarán esta Semana Santa os encontros aprazados polo temporal Félix.

En primeiro lugar, o filial foi superado polo Touro nun partido moi igualado que se decantou co tanto local no primeiro minuto da segunda parte.

O xuvenil Nacional igualou co Porriño Industrial a un tanto e segue pelexando por saír da zona perigosa. Dario Gontán, na segunda parte, foi o autor do gol local que igualou a vantaxe lograda polos porriñeses.

Pola súa banda, o xuvenil B caeu en Cancelas contra o Dubra por 2-3, a pesar de irse cunha vantaxe de dous goles ao descanso. Marcos Andrade e Schadrac Lonji puxeron en boa disposición aos nosos, pero os visitantes remontaron no segundo tempo. Para responder a este tropezón, os branquiazuis xogarán este xoves ás 12.00 horas, en Santa Isabel, contra o SR Calo.

En canto ao Cadete, o conxunto da base perdeu por 2-1 na súa visita ao Arzúa. Hugo Martínez foi o goleador santiagués. Este mércores ás 11.00 horas, no Municipal do Sergas, tentarán volver sumar contra o Amio SD.

En infantís, o A conseguiu empatar contra o Conxo, un dos conxuntos que se sitúan na parte alta clasificatoria. Os branquiazuis igualaron a dous tantos nun partido de alternativas. O equipo adestrado por Diego Segade repetirá partido este xoves, ás 18.30 horas, contra a UD Bastavales en Cancelas. Mentres, o B superou ao Cire Melide por un claro 0-8 e conseguiu situarse na cuarta praza.

En alevíns, o A perdeu no playoff contra o Fátima por 5-1, conxunto que o supera agora na clasificación, resultado negativo que se compensou coa vitoria do B por 6-2 contra o Villestro.

Por último, o benxamín perdeu contra o líder, o Amio SD, pero tentará contrarrestar esta derrota cun triunfo contra o Milladoiro, hoxe ás 18.30 horas en Cancelas.

Nota de prensa Oficial
Dobrete dos incombustibles alevíns
  • Bo empate do xuvenil B contra o terceiro clasificado

O regreso á competición das categorías inferiores da SD Compostela saldouse con dúas vitorias, ambas as dúas dos equipos alevíns, e dous empates, do filial e do xuvenil B. Os conxuntos branquiazuis acusaron a dureza dos seus enfrontamentos nesta fin de semana de volta.

En primeiro lugar, o Zona Vella conseguiu un meritorio empate contra o Belvís. O filial demostrou o seu gran poderío defensivo para aguantar o marcador inicial ante un rival que marcha por diante na táboa.

O xuvenil de Liga Nacional caeu derrotado por 3-1 na súa visita ao Vitoria FC, equipo situado na zona de ascenso a División de Honra. Marcos Mella foi o autor do tanto visitante, gol insuficiente para un conxunto que loitará por evitar o descenso, debido á cantidade de arrastres que haberá, ata final de campionato.

Pola súa banda, o xuvenil B volveu mostrar o seu mellor cara ante un dos galos da categoría. Na súa visita ao Xuventude Oroso, terceiro clasificado, conseguiu sacar un meritorio punto, despois de empatar a contenda en dúas oportunidades. Schadrac Lonji foi o encargado de anotar esas dúas dianas que lle dan un punto aos nosos canteiráns.

Contra o mesmo rival, aínda que na casa, correu menos sorte o equipo cadete. O tamén terceiro clasificado superou aos nosos por un claro 0-5.

En categoría infantil, o A foi superado pola mínima (1-0) na súa visita ao Bertamiráns. Un solitario tanto no minuto 49 serviulle aos locais para levar os tres puntos. Mentres, o equipo B, caeu por 2-4 ante o ED Arzúa, segundo clasificado da liga, e perdeu dúas prazas na táboa.

A noticia positiva chegou entón cos equipos alevíns. O A segue imparable no playoff, no que está no segundo posto, e superou por 4-2 ao ED Santiago, nun encontro o que remontou no segundo período. O B, terceiro, gañou con claridade contra ao Victoria por 1-5 e segue á caza dos dous primeiros clasificados.

Por último, o benxamín non puido co Villestro, conxunto que gañou o encontro por 4-0. Con todo, os nosos seguen sextos no playoff.

Nota de prensa Oficial
SD Compostela - fútbol base

Os equipos volven competir tras os adiamentos da semana pasada

Os conxuntos das categorías inferiores da SD Compostela volven á competición este fin de semana tras o parón vivido a xornada anterior por culpa das condicións meteorolóxicas, as cales impediron a disputa de todos os encontros, a excepción do Alevín A. Así, os conxuntos branquiazuis desexan xa volver saltar ao campo e gozar co balón nos pés.

En primeiro lugar, o xuvenil de Liga Nacional visita ao Vitoria CF, o sábado ás 18.00 horas no campo da Grela 1. Será un duro choque no que os nosos esperan recuperar a senda do triunfo.

O xuvenil B, pola súa banda, terá que viaxar ao Lino - Balado, o sábado ás 18.00 horas, para enfrontarse a un dos galos da competición, o ED Xuventude Oroso.

En canto ao Cadete, os branquiazuis xogarán tamén contra ED Xuventude Oroso, aínda que no seu caso será de local. O partido comezará o domingo ás 10.00 horas no Municipal de As Cancelas, horario perfecto para irse a San Lázaro ao termo do mesmo.

En categoría infantil, o A xogará contra o Bertamiráns, no Municipal de Bertamiráns, o sábado ás 9.30 horas, mentres que o B xogará ás 12.45 horas, na Merced, contra as Escolas Deportivas do Arzúa.

En alevíns, o A quere manter a súa segunda posición no playoff tras o seu tropezo contra o líder e para iso tentará superar ao ED Santiago, o domingo ás 13.15 horas en campo da Barrosa. Pola súa banda, o B xogará contra o Vitoria FC o sábado ás 12.00 horas en As Cancelas.

Por último, o Benxamín desexa un novo triunfo contra o SD Villestro, o sábado ás 16.30 horas tamén en As Cancelas.

Nota de prensa Oficial
Imagen del partido del juvenil en Santa Mariña.Imagen del partido del juvenil en Santa Mariña.

O Alevín A mantén a súa boa dinámica no playoff.

A xornada da fin de semana para as categorías inferiores da SD Compostela pechouse cun saldo de dous triunfos e un empate como resultados positivos. Os conxuntos branquiazuis tiveron que lidar non só contra duros rivais, senón que tamén sufriron as inclemencias meteorolóxicas, que non eran as máis adecuadas para a práctica do xogo.

O filial, na tarde de onte, viuse superado polo San Mamed, segundo clasificado. Juan Barreiro e Javier Sánchez, por dúas veces, certificaron o 3-0 final xa no primeiro tempo do partido. Con este resultado, o Zona Vella segue na metade da táboa.

A mala sorte gafou ao xuvenil de Liga Nacional, quen perdeu 3-2 na súa visita ao Santa Mariña. O partido estivo sempre de fronte para os branquiazuis, adiantándose dúas veces no marcador, pero nun mal final de partido, o conxunto local deulle a volta ao marcador. Víctor Vilariño á media hora e un gol en propia meta no comezo da segunda metade puxeron en vantaxe aos nosos, a cal se dilapidou nos minutos 83 e 85 co dobrete de Yago Bravo.

Pola súa banda, o xuvenil B perdeu con idéntico resultado que o filial. Os santiagueses caeron por 3-0 na súa visita ao Milladoiro, cuarto na táboa, e seguen no noveno posto.

Non levou os puntos pero xogou un gran partido o cadete, capaz de aguantar as acometidas do líder da categoría, o CD Boiro, e que só claudicou polo solitario tanto de Alberto Romeu no minuto 69.

Tamén caeu derrotado o Infantil A no seu enfrontamento contra o Xuventude Oroso, terceiro clasificado. Os locais adiantáronse rápido no marcador e, aínda que os nosos empataron dez minutos máis tarde, o segundo tanto fíxolles moito dano e o encontro acabou cun 5-1 final.

A primeira nota positiva da xornada chegou coa goleada do Alevín B por 0-8 contra o Milladoiro, resultado este que lle permite escalar ao terceiro posto da clasificación. Os nosos dominaron o partido de punta a cabo e de aí a contundencia do marcador.

Tamén goleou o Alevín A, que segue imparable no playoff. Os branquiazuis visitaron ao Negreira, ao que lle gañaron por 0-6. Con esta vitoria seguen a tres puntos do líder, o San Lorenzo, conxunto contra o que se medirán a próxima semana. Mentres, o Alevín B non pasou do empate contra o Vista Alegre, 3-3 foi o resultado final, e mantense no terceiro posto.

Por último, o Benxamín, tras dous triunfos, caeu na súa visita ao Dubra por 4-2, pero seguen no sexto lugar do seu playoff.

Nota de prensa Oficial
Triunfo de nivel para recuperar a confianza
  • O Compos volveu gañar tras un magnífico encontro contra a UD Somozas.
  • Primo, por dúas veces, e Álex Ares foron os goleadores.
Tomás conduce el balón en el encuentro de esta mañana. Foto: Amadeo Rey.
Tomás conduce el balón en el encuentro de esta mañana. Foto: Amadeo Rey.

As matinais do domingo séntalle ben a este Compos. Os branquiazuis volveron á senda do triunfo grazas a un magnífico partido contra a UD Somozas, no que dominaron desde o inicio e acabaron gañando por 3-0.

En rápidas contras, Primo marcou os dous primeiros da mañá, un na primeira parte e outro na segunda, mentres que Álex Ares certificou a vantaxe branquiazul nunha falta moi ben lanzada.

O Compos regresou a San Lázaro coa firme intención de regresar á senda do triunfo. Sabían que enfronte tiñan a un duro rival, pero saíron a apertar desde o primeiro minuto. A pesar de que tiñan a posesión, as oportunidades chegaban, principalmente, en rápidas saídas á contra, aproveitando a velocidade dos homes de ataque.

Así, nun pase ás costas da defensa de Álex Ares, Primo tería a máis clara. Controloría co peito antes que o porteiro, pero fóiselle longo e o balón saíu por liña de fondo.

Sen embago, nunha xogada case calcada, no minuto 20, se que conseguería adiantar aos nosos o dianteiro cántabro. Balón ao espazo, Primo chegou antes que o porteiro, regateouno e marcou a portería baleira, unha gran resolución de killer.

Responderían rápido os visitantes, na única ocasión de perigo súa da primeira parte. Lanzou a falta Gonzalo á cabeza de Óscar, o punta deixouna de fronte e Diego Uzal pegoulle de primeiras, pero o seu golpeou foise por encima do traveseiro.

Antes de chegar ao intermedio, os nosos puideron ampliar a vantaxe, pero Santi non foi capaz de superar a Javi Seral no man a man. O lucense saíu trastabillado dun agarrón de Uzal e tívolle que pegar coa súa perna dereita.

Á volta dos vestiarios, co apoio dun público enfurecido pola actuación arbitral, a tónica mantívose e o segundo tanto acabaría chegando nunha nova xogada de velocidade á contra.

Despois de roubar o balón a Monroy, o Compos buscou as costas do lateral, onde apareceu como un raio Sobrido. O extremo gañou o balón grazas á súa velocidade, encarou ao porteiro e deixou o pase da morte para que Primo marcase a portería baleira o seu segundo tanto da mañá.

O segundo gol deu aínda máis ás á parroquia local, que celebraría un novo tanto dez minutosmáis tarde. Álex Ares foi o encargado de transformar esta terceira diana grazas a un gran lanzamento de falta que fixo un estraño no aire, sorprendendo ao porteiro visitante.

Puido ampliar aínda máis a vantaxe, pero apareceu Javi Seral para evitalo. Primeiro sacou unha gran man ante a chegada de Samu e despois despexou o intento de vaselina de Diego Rey.

Non entrarían estas dúas últimas ocasións e pecharíase o encontro co 3-0 final, o cal permite aos nosos recuperar a boa dinámica, tras dous tropezos. Os tres puntos e o gran partido realizado enchen de ilusión a unha afección que viaxará en masa para apoiarnos na dura visita ao CD Barco da semana próxima. De momento, a SD Compostela descansa xa no alto da clasificación con 63 puntos.

FICHA TÉCNICA:

3- SD Compostela: Lucas; Saro, Cardeñosa, Álvaro Casas, Naveira; Tomás (Ube, m.77), Mon; Sobrido, Santi, Álex Ares (Samu, m.77); e Primo (Diego Rey, m.68).

0- UD Somozas: Javi Seral; Pacheco, Salva Rivas, Pablo Pérez, Álex; Álex Rey (Gerardo, m.46) , Gonzalo, Diego Uzal (Juan, m. 61); Monroy, Óscar (Jacobo m.61) e Quique Cubas.

Goles: 1-0: Primo, min.20; 2-0: Primo, min.55; 3-0: Álex Ares, min. 64.

Árbitro: Davila Fernández, colexio vigués. Amonestou a Naveira, Tomás, Saro, e Cardeñosa, polos locais; e a Salva Rivas, Jacobo Millán, Juan e Quique Cubas, polos visitantes.

Incidencias: Partido da vixésimo oitava xornada de liga da Terceira División disputado no Estadio de San Lázaro ante 720 espectadores.

Páginas

Suscribirse a SD Compostela

Logos Software Libre utilizado